Hoja amazonía blanco
Motivos

descobre que nos move

Por que "Somos Amazonía, defendemos a nosa casa común"

A Panamazonía é un ecosistema único no mundo pola súa gran biodiversidade e a súa transcendental importancia para o mantemento da vida na Terra. Constitúe apenas o 4% da superficie terrestre, e mesmo así o caudal do río Amazonas e os seus afluentes proporcionan aproximadamente a cuarta parte da auga doce do planeta. A fauna e a flora da selva amazónica reúnen a centos de miles de seres vivos, algúns dos cales son endémicos do bioma amazónico.

Escoitar o berro da Amazonía é ao que nos chama o Papa Francisco a través da Exhortación Apostólica “Querida Amazonía”. Hoxe, todo o planeta grita na loita contra o cambio climático e a Amazonía tamén o fai.

A Amazonía berra, hai tempo que o fai, denunciando a apropiación e privatización dos bens naturais; os megaproxectos que desprazan a poboación; as concesións madeireiras que aumentan a deforestación; a minaría; os incendios forestais ou o monocultivo. Estas son algunhas das ameazas que sofre a rexión e que non só provocan a degradación ambiental, senón que tamén poñen en perigo a existencia dos pobos indíxenas, da súa cultura e da súa identidade. Pero tamén a nosa. Máis do 20% do osíxeno que respiramos e da auga que consumimos procede da rexión.

Desde hai anos, os Estados e as grandes empresas consideraron a Amazonía unha despensa inesgotable. Un comportamento que provocou unha crise socioambiental que está a visibilizar o abandono histórico dos propios Estados cara á rexión e á poboación amazónica, tanto no rural coma nas cidades.

Organizacións e movementos indíxenas e da sociedade civil, a Igrexa –a nivel internacional, nacional e local– e ONG locais e internacionais a favor dos dereitos humanos ou da xustiza ecosocial, entre outros, están a mobilizarse para protexer a rexión e os pobos que a habitan.

Consecuencia disto é o número de asasinatos de persoas defensoras dos bens da natureza. En 2019, segundo a análise global de Front Line Defenders, 304 persoas foron asasinadas en todo o mundo por este motivo. Unha de cada dez son mulleres.

Hoja amazonía blanco

A Panamazonía ofrece unha serie de “servizos ambientais” que son esenciais para manter a estabilidade climática global.

A pesar da súa relevancia para o mantemento da vida no planeta, a rexión panamazónica está ameazada polo que o ecofeminismo denomina conflito capital-vida, que xorde de modelos económicos nos que o proceso de valorización do capital se produce a custa dos bens da natureza  e da vida humana.

 

Así, o sistema económico actual valora a biodiversidade e riqueza do bioma amazónico, non polas súas contribucións á estabilidade climática global, senón polo valor económico dos seus bens naturais.

Este imaxinario económico constitúe un incentivo perverso para a destrución e extracción de valor do bioma amazónico, ao tempo que está intimamente relacionado coa vulneración dos dereitos humanos, afectando especialmente os pobos indíxenas e as mulleres de forma diferenciada.

A campaña Somos Amazonía denuncia a tendencia da economía convencional a invisibilizar os “servizos ambientais” que presta a natureza, do mesmo xeito que se ignoran as achegas das mulleres aos coidados necesarios para a sustentabilidade da vida.

Buscamos reforzar o compromiso da cidadanía co medio ambiente, a sustentabilidade e a equidade, partindo da reflexión sobre os retos socioambientais que sobrevoan a Amazonía e fomentar a participación social na procura de solucións.

Ademais, con Somos Amazonía, de Alboan e Entreculturas sumámonos aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas para o ano 2030 e ás Preferencias Universais da Compañía de Xesús, que nos convidan a compartir unha misión en torno a “coidar a nosa causa común” e “camiñar coas persoas excluídas”.