A ligazón de Alboan coa Panamazonia prodúcese desde o traballo en cooperación acompañando o Servizo Xesuíta Panamazónico (SJPAM) que agrupa as presenzas da Compañía de Xesús no territorio, buscando, mediante o traballo en rede, defender e promover a vida e un ambiente sostible na Panamazonía, en solidariedade cos máis pobres e excluídos e en particular cos pobos indíxenas, coa fin de lograr unha maior incidencia nas decisións que afectan este territorio e os seus poboadores. Os dous principais focos de traballo do SJPAM son os pobos indíxenas e a sustentabilidade socioambiental.
Ademais, dende 2018, en representación da Rede Xavier, Alboan coordina, xunto coa SJPAM e a Federación Internacional de Fe e Alegría, o proxecto Amazonia: Coidar a Casa Común.
Este proxecto xorde dunha diagnose previa realizada coas escolas de Fe e Alegría presentes na zona panamazónica (Brasil, Perú, Venezuela, Bolivia e Ecuador). En 2017, tras a presentación do devandito diagnóstico, identificáronse 3 eixos fundamentais que, dende entón, veñen marcando a axenda de Fe e Alegría na Amazonía.
- Educación intercultural moito máis inculturada para ter en conta a realidade das poboacións autóctonas e a xestión da diversidade;
- Educación bilingüe, xa que é unha zona onde viven numerosos pobos indíxenas;
- Concienciación socioambiental dende o contexto amazónico.
Desde a perspectiva global-local que caracteriza o traballo de Alboan, este proxecto permite tender pontes entre os centros educativos da nosa contorna, e os da Amazonía, co fin de visibilizar as interrelacións globais para educar e concienciar sobre a urxencia de dar resposta Á crise socioambiental e defender o coidado da casa común.
Entreculturas, pola súa banda, leva varios anos acompañando e apoiando a SJPAM, no seu labor como nexo entre as redes da Compañía de Xesús e as da Igrexa Panamazónica, especialmente coa REPAM, ademais de contribuír á resposta humanitaria en 2020 ante os impactos do COVID nas comunidades indíxenas da tripla fronteira.
Desde 2021, Entreculturas tamén acompaña ao equipo SJPAM na formación integral de 30 mozos e mozas indíxenas tikuna de comunidades situadas na tripla fronteira de Colombia, Perú e Brasil.
Os mozos e mozas indíxenas enfróntanse a numerosas presións: doutros mozos e mozas non indíxenas, do seu profesorado ou responsable de emprego, dos medios de comunicación, do Estado ou da sociedade mestiza; e mesmo, ás veces tamén, dos seus familiares e achegados que lles din, de diferentes xeitos, que “non vale ser indíxena”.
Para moitas sociedades amazónicas, a experiencia da mocidade ou da adolescencia é un fenómeno relativamente recente. Ata hai unhas décadas, nestas sociedades, pasaban directamente da infancia á idade adulta despois de cumpriren os correspondentes rituais de puberdade. Nalgúns casos, é un fenómeno tan novidoso que moitas veces nin os pais nin os adolescentes saben como afrontar esta nova situación. Os desaxustes poden ser tan grandes que provocan efectos terribles, como o suicidio. Nos últimos anos, este problema converteuse nun dos máis graves aos que se enfrontan as sociedades indíxenas.
Co proxecto ponse en marcha un plan de formación integral para os mozos e mozas indíxenas Tikunas, elaborado a partir da escoita activa, por parte do equipo SJPAM e outros membros da Igrexa local, dos mozos e das mozas. Experiencia que se sistematizará e cuxa aprendizaxe será compartida coa REPAM.